[Versión 0.1]
Proposición terceira. Catro grandes modelos de revolución ao longo da historia. A primeira, a Revolución Gloriosa en Inglaterra, aínda non se librara do modelo cíclico que inspiraba na súa orixe o concepto. A segunda, a Grande Revolución, como a francesa, haitiana ou americanas, despregaron este círculo na liña dun tempo rectilíneo marcado pola idea do progreso. Elas son a antesala da dialéctica, das clases sociais e a división do corpo político en dous, da creación dunha nova dimensión vital que será coñecida dende mediados do século XIX coma “o social”. A Revolución Social sería o terceiro modelo. Fai décadas que esgotou a súa potencia ao formarse outra dimensión distinta, “o global”, á cal lle corresponde o modo de vida en micelio. A Revolución Global está aínda por vir. Ata o de agora, tímida, non fixo máis ca insinuarse e improvisalos seus primeiros pasos. Dela non sabemos case nada, tan só, se cadra, que xa non será circular, nin precisará decapitalas carnes, nin tampouco trocará unha esfera social para poñer outra no seu lugar. Nin liñas rectas unidireccionais nin cambio de círculos funcionais, polo tanto. O seu modelo pasa máis ben polo da terra batida. A revolución seguirá sendo de masas. Pero máis ben a dunha masa que amasa.
23. Unha rede de migrantes africanos ao longo de New York reúnese no mercadiño de Harlem, na 125th Street, para vendelas tradicionais e coloridas togas kente. Pero, ¿realmente que é o que están a vender? No África Occidental o kente era un símbolo de riqueza e prestixio, cosíase á man con fíos de seda brillante e delicada. Nos anos sesenta e setenta, de Martin Luther King ao partido dos Panteras Negras, o movemento estadounidense polo Black Power quixo sacalo continente orixinario da súa longa penumbra. Situouno no centro simbólico do black-pride afro-americano. As personalidades da comunidade negra enrolábanse os seus tecidos kente. Entón, a demanda exténdese e descende ata sectores que non poden pagalas importacións de Ghana. Nos anos oitenta un asiático de New Jersey comeza a producir kente impreso, moito máis barato. Aparece a denominada versión “New Jersey”. A noticia chega a Ghana, onde non triunfa, pero si que o fai en Togo. Dende alí se exporta ata New York a versión “Togo” da versión “New Jersey”, aínda máis barata. Sen embargo, a historia se complica. Entón os empresarios do Chinatown da Gran Mazá viaxan ata África para mercalo producto en bruto. Finalmente, os vendedores afro-americanos de Harlem mercan a versión da versión da versión kente producida en África, importada por un comerciante coreano e rematada de coser nas maquiladoras do Chinatown neoiorquino[1].
24. De ningún xeito debemos confundilo global co que no seu día foi chamado o universal e aliñado coa posibilidade dunha paz perpetua. Comprendidos os humanos dende o punto de vista do micelio, observado o planeta en tanto que bóla confusa de turbulencias, entendido o subsolo coma océano carnavalesco e a vida como dramas de amor entre-especies, as mesturas planetarias do líquido e o sólido devólvennos a imaxe do planeta como unha masa, resultado do movemento da súa écharpe aérea, do núcleo viscoso de lume, os ciclos da auga e a plasticidade da terra. Como nunha masa de gran heteroxéneo, os elementos se mesturan e amasan obrigándonos a pensar o todo e as partes doutra maneira. Sen menoscabo para a diferenza, a laboura do panadeiro mófase dos prexuízos postfordistas contra o que é homoxéneo: “a inmensa e inesperada, razoable e racional, evidente pero oculta, sabia e inxenua lección do átomo de fariña ensínanos que para unificar unha globalidade homoxénea, teñen que moverse caoticamente múltiples pequenos lugares diversos”[2]. Os átomos que se amasan tecidos no kente atopan o seu lugar na xerarquía africana, despois na revolta negra americana, rearticúlanse con outras técnicas e significados ata chegar a Toga, e terminan volvendo coma un boomerang despois de ter pasado por innumerables mans, sen deixar de atopar lugares propios a cada paso, identidades varias que envolven os corpos de homes negros e doutras tonalidades. Resultados imprevistos, transformacións caóticas; nada novo pero moito máis rápido, tanto que o punto convértese nunha liña difusa. O global constitúese así, a partir dos lugares, das vidas locais que se moven, e ao moverse e mesturarse. Xorde desta maneira unha simplicidade global no amasado de localidades complexas, que se desterritorializan só para crear territorios alí onde por un momento viñeron a deterse. Esta é a única universalidade na que podemos pensar hoxe, completamente allea á paz perpetua.
25. Esta é a única globalidade en si e para si conforme á disidencia, lida en clave de rizoma ou micelio, do ser-en-todas-partes. É certo que entres as ringleiras dos alterglobalizadores non faltan humanistas ―os que se refiren aos humanos con palabras domesticadoras que nos asimilan ás reses e ó gando: falan do xénero humano[3]― incapaces de comprender que máis aló das Luces houbo tamén outras iluminacións, tantas outras modernidades… O proxecto moderno, que nunca existiu coma plan unificado, ve como se apagan as súas iluminacións universais no rexurdimento dunha nova versión atea de certa cosmogonía sincrética, antiga, moi antiga. A historia restitúe a dignidade daquel muiñeiro de Ginzburg, axustizado pola Inquisición no século XVI. Menocchio botaba por terra a Providencia e o argumento do designio, que aínda sería defendido polas principais voces das sociedades científicas do século seguinte. Aqueles dirían que o que é ten que tela súa razón de ser. Que os órganos de calquera animal adecúanse á función designada no plan divino. E que o cambio ten que ser explicado pola providencia. Deus, o reloxeiro do mundo, tenlle que dar corda de cando en vez, pois soamente a perfección está libre de ser supervisada e regulada. Mais o muiñeiro cría que tan só o caos podía sela causa primeira e eficiente. Ao principio non había máis que algo indiferenciado: a terra, a auga, o lume e o aire, todo xunto. E de alí saíu unha masa. Menocchio ve o mundo coma un queixo, que pode parecer homoxéneo, e de feito o é, pero non descoñece que desta simple regularidade é capaz de xurdir o máis diferenciado. O caos bateu a masa, “como a escuma das augas do mar, e coagulou coma un queixo, do cal naceron logo unha grande cantidade de vermes, e eses vermes convertéronse en homes, dos cales o máis poderoso e sabio foi Deus”, quen estando feito do caos existe dende sempre, eterno co caos, “mais que [daquela] non se coñecía nin estaba vivo”[4]. En realidade, a propia cosmogonía era unha mestura viaxeira. Resulta difícil seguilos seus rastros. Con todo, esta narración, que pola vía da masa fermentada intenta explicalo aumento de densidade da nebulosa que formaría o noso planeta, atópase tamén escrita con similares termos no libro de Vedas[5].
26. A masa que amasa. Masa de hifas, cómputo de conexións, micorriza do solo co aire e co subsolo. Os movementos políticos do micelio fan proliferar con paciencia as súas redes subterráneas e reptan á superficie sabendo que axiña terá que desaparecer para volver máis tarde, pois a superficie, aínda dificilmente respirable, é un terreo ao que só se pode acceder a costa de facelo contendo o aire. No tempo crítico ou kairós é como a política do micelio funciona como unha bóla de neve intelixente, que decide rodar e ir mesturando no seu corpo máis e máis folerpas, ou ben esnafrarse contra un saínte rochoso para que os mil anacos se poñan de novo a xirar, agora noutras direccións e con renovada autonomía. Cada vez que os seus activistas viaxaron para congregarse ante o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional, o G8 ou o G20, repetiron unha e outra vez o que de pouco en pouco foise facendo, primeiro crible, e agora irrefutable: “We are everywhere”[6]. A finais de 1999, en Seattle, os enfrontamentos entre a policía e os manifestantes duraron horas. Os enmascarados atacaban neste ou naquel punto do downtown e logo se dispersaban polas rúas. Practicaban a táctica do hit-and-run, ou morde-e-fuxe, a do tigre e o elefante, máis parecida ó arte da guerra de Sun Tzu que aos árabes de Lawrence. Pero en realidade, o black block era tan só unha das moitas tácticas que, simultáneas, tomaron a cidade falando en tantas linguaxes políticas coma idiomas se podían escoitar nas rúas cosmopolitas da capital de Microsoft, Boing, Starbucks e Nirvana. Cada vez que os encapuchados se retiraban, sacaban das súas mochilas os seus sprays. Tiñan razón ó escribir nas paredes “we are winning”. Tamén é certo que, coa axuda do resto de bloques e estratexias, lograron algo insólito: detela cimeira da Organización Mundial do Comercio, converter o suceso nunha noticia global, e a noticia nun acontecemento, ao dar o pistoletazo de saída a un movemento que, non obstante, fora fermentando pouco a pouco ao longo da década dos noventa[7].
27. Moitos criticamos a dinámica das contra-cimeiras. Dixemos que non faciamos máis que ir alá onde os nosos inimigos nos chamaban, seguindo o calendario que eles mesmos marcaban. E aínda que isto non deixa de ser vedade, tamén o contrario é certo, xa que esta é unha das maneiras polas que se expande o micelio. Cada contra-cimeira foi unha xema; cada centro de convencións e cada acampada, un punto na coordinación na rede de esgallos. Cada boom no xogo do espectáculo mediático, unha entrada de enerxía que flúe polos cordóns rizomorfos que comunican entre o subterráneo e a superficie. Por este medio, alí onde foi, a política do micelio impuxo as súas formas e normas. Alí onde plantou batalla, os medios reproduciron a súa mensaxe. Extrema visibilidade seguida de momentos de opacidade no subsolo. Políticas do underground. O importante é a extensión e o fragor que alí abaixo se dan. En movementos coma o do #15M, ou máis aínda Occupy Wall Street, dámonos conta de cómo foi batido e transformado o territorio. As dinámicas asemblearias, a xestual linguaxe de mudos como técnica para as asembleas, o coñecemento e a crítica divulgada acerca das organizacións transnacionais, a dimensionalización global dos problemas, a impregnación das formas e normas das network politics, ofrecen a súa testemuña ó respecto. Aprender dos fungos, de novo, para pensalo problema da continuidade dos movementos. Hai quen pensa en vertical e en círculos, e hai quen foi posuído polas setas. Contándonos entre estes últimos, para nós o primordial non é armar un gran autómata e vixiar que ninguén o derribe, asegurala presencia dun portavoz mecánico que sexa claramente discernible, delimitado e visible en todo momento, e que estea sempre disposto para ser consultado a propósito de cal é a súa postura respecto a tal ou cal cuestión. Tan importante ou máis que este tipo de megafonías permanentes, é o reto de estender o subterráneo, o micelio dos calquera, as súas extensións rizomorfas que o conectan aereamente coa superficie. Pensamos coma toupas artificieras. Para nós, o primordial é facer que as ascensións sexan cada vez máis recorrentes e poderosas, acelerala batida das terras. Para iso, no seu devir aéreo o micelio e as adventicias deben deixar pegada, modulalo territorio, tirar novas liñas cartográficas, desterritorializalo; ou dito doutra maneira: nas súas ascensións, o poder constituínte do micelio debe tornar o arriba e o abaixo cada vez máis indiferenciados.
28. A revolución opera agora pola batida das terras e non pola decapitación na guillotina da carne verticalmente coroada. Tampouco pola suplantación dun organismo circular por outro, iso ó que un día se lle chamou “o social”, habitualmente considerado como algo ancestral, aínda que en realidade viuno nacer o século XIX (ver capítulo II). A estratexia do micelio é a confusión. “Non somos de esquerdas, tampouco de dereitas, somos os de abaixo ―din― e imos a polos de arriba”. Que o subterráneo do micelio vaia colonizar o mundo arborescente que domina a superficie, esta confusión é sen dúbida a que algúns máis temen. Non poden entendelo, non teñen ollos para velo nin nariz para soportalos aromas do amor entre-especies. A escuridade dá renda solta ó pesadelo do máis tenaz sectario e gobernante. Nos seus pesadelos, o sacerdote observa impotente como o seu rabaño se descarrila confundido. Cando ó caelo muro de Berlín os neocon e os neoliberais cantaron a dúo a morte de Marx e o triunfo do capitalismo, non agocharon os seus medos: “a forma que poida adoptar un desafío de esquerdas ó noso actual liberalismo pode ser moi diferente do que estamos acostumados neste século. Probablemente poñerase o traxe do liberalismo ao tempo que cambiará o seu significado dende dentro”[8]. O gran temor: que avancen os exércitos do inimigo e non sexan capaces de velos vir, a invisibilidade, ou dito con Lawrence, “a ameaza silenciosa dun vasto deserto descoñecido”. ¿Como poderán estes cazadores de bruxas atrapalas se xa non saben que pintas teñen? ¿Como poderán seguir xustificando os seus soldos? ¿Qué é o que debe perseguir agora o novo Comité de Actividades Anti-Americanas? O un dedúcese do outro: cando a revolución toma o camiño da confusión, a confusión protagoniza os pesadelos do pensamento anti-revolucionario. Sexa de esquerdas ou non, esta forma invisible da que falaban os conservadores é o micelio. Estas políticas travestidas e perigosas, son as do 15M e as do batido da súa revolución, que unha e outra vez dise máis democrática que ninguén.
29. Sexa de esquerdas ou non, pode resultar esclarecedor para pensar o que significan os seus conceptos de victoria e revolución, contrastalos cos da vella tradición esquerdista. Na súa vertente marxista, existían tres grandes referentes: un, o movemento, que era obreiro, a potencia da forza de traballo, e en especial a potencia do traballador industrial; dous, a liberación, que era nacional primeiro e logo internacional, as loitas de liberación nacional, todas elas anti-imperialistas; tres, o estado, proletario por definición, a referencia victoriosa, a medida real do que conta como victoria, en definitiva, a xestión obreira, segundo a cultura e o modo de vida obreiro, do social [9]. Pero morto o vello suxeito, o modo de vida esixe outro tipo de políticas. Nos termos do ser-en-todas-partes e da súa dimensión global, a victoria xa non pode medirse sobre as táboas da liberación nacional, nin do estado nin tampouco do social, moi especialmente agora que isto languidece co welfare para dar paso a outra cousa distinta. O novo escenario implica novos retos. O seguinte capítulo tratará de abordalos mediante unha aproximación histórica.
[1] P. Stoller. 2009. The Power of The Between. Chicago, The Chicago University Press.
[2] M. Serres. 1995. Atlas, op. cit., p. 100.
[3] Sloterdijk. 2011. “Reglas para el parque humano” en Sin salvación. Tras las huellas de Heidegger. Madrid, Akal, p. 197-220.
[4] En C. Ginzburg. 1997. El queso y los gusanos. México D.F., Muchnik Editores, p. 103.
[5] Ver C. Ginzburg, op. cit. E P. Sloterdijk. 2006. Esferas III. Espumas. Madrid, Siruela, p. 36-42.
[6] Notes From Nowhere. 2003. We are Everywhere. The Irresistible Rise of Global Anti-Capitalism, New York, Verso. Website: http://www.weareeverywhere.org
[7] Sobre a contra-cimeira de Seattle como acontecemento, M. Lazzarato. 2006. Por una política menor. Acontecimiento y política en las sociedades de control. Madrid, Traficantes de sueños.
[8] Francis Fukuyama, El fin de la historia y el último hombre, p. 397.
[9] Véxase A. Badiou, ¿Se puede pensar la política?
Leave a reply
Fields marked with * are required

