Capitulo I

.1.3. DO SER EN-TODAS PARTES. O TABOLEIRO DE XOGO.

[Versión 0.1]

Proposición segunda. A revolución democrática que o micelio político tentou levar á práctica ó longo das últimas dúas décadas ­­­―digamos dende a insurrección zapatista de 1994 ata as revolucións en curso, pasando polo movemento alterglobal ou a insubordinación e a remodelación formal-constitucional de Islandia― móvese entre uns mínimos e máximos estratéxicos e un réxime de bocanadas de aire, ambos supeditados á temporalidade climática que lle é propia. A graduación entre máximos e mínimos está en correlación co tamaño e a densidade de proliferación que nun momento dado teña logrado a maraña disidente. Este cálculo de posibilidades con vistas á victoria, ten en conta os requisitos estratéxicos dunha dimensión que acostumamos a entender coma simplemente espacial, aquilo que chamamos “o global”, pero que en realidade define unha ontoloxía planetaria, tamén unha ecoloxía política, resultado das transformacións ocorridas nos modos de vida. Queremos subliñalo seguinte: o micelio político existe para vencer globalmente, a súa é unha política revolucionaria. Mais “vencer” e “revolución” son outros dous conceptos que coa chegada deste animal político adquiren significados novos.

 

16. Os tempos do micelio político non desesperan. O micelio ven de calquera, ora que non por un simple anonimato. O movemento dos indignados comezou nas prazas. Deuse aí o primeiro e máis elemental axenciamento. Para cumprir o deber de ter un corpo enchufábase un micrófono a un altofalante e calquera tomaba a palabra. Non para falar de calquera ou no nome de calquera, senón para presentarse a si mesmo, contala súa propia vida, as súas cousas, e así e todo tantos outros calquera, escoitando e gardando a súa quenda, sentíanse interpelados aínda sen poder identificarse co nome de quen lles falaba, co seu rostro, a súa voz e o conxunto de vivencias tan singulares. Nin anonimato nin narcisismo, nin socialismo nin individualismo. O que lles facía chegar ata as prazas era unha mestura de rostros onde o familar e o estraño renegociábanse constantemente. O perfil customizado, a rede de amigos aberta, o espazo familiar atravesado por series en constante cambio, unha e outra vez reinícianse neste ou naquel evento, con aquel hashtag a partir do amigo do amigo do amigo, etcétera, ou co seguidor do que segue ó que segue, etcétera. Este enredo de conexións procede coa lóxica do “e… e…” dos esgallos vexetais. Un, a policía, o estado, pode cortala serie, pero a multiplicidade na que se organiza fai brotar do talo outras raíces en calquera lugar. Os rizomas que enchían as prazas ata desbordalas polos barrios, chegaran ata alí grazas á súa virtual capacidade de conectar calquera punto con calquera outro. Sen embargo, extraer do subsolo unha expresión política que se reproduza aereamente ata os ceos non é tan sinxelo. Unha vez fóra, traspasado o limiar do subsolo, os que ven o mundo coma os fungos enfróntanse á meirande ira dos xigantes, que soamente teñen ollos para a vertical arbórea dos seus edificios gobernamentais e financeiros, oídos para os tintineantes círculos dourados das moedas (ver capítulo IV).

17. ¿Cómo xerminar e facer brotar un movemento político en rizoma? Rápida ollada ó arquivo poeirento. Das colleitas de odio branquistas e as posteriores estratexias insurreccionais, non semella factible xuntar outra cousa que resentimento; facer que se estremeza ata tal punto o social que a poboación explote angustiada resulta demasiado perigoso. Tampouco serve de nada o temoroso remedio de quenes, coma Bernstein, privilexiaban as máis moderadas e reconciliadoras vías representativas. Se a política do micelio é paciente é porque quere estenderse por tódalas partes. Sabe que as regras do xogo mudaron. Acabouse o modelo organizativo onde o Un subsumía e daba sentido ás partes, ao igual que a vangarda que organizaba ós moitos para facelos corresponder coas esixencias do momento histórico que tan só ela coñecía. A falta de lexitimidade dos partidos políticos corrobora isto mesmo. ¡Qué difícil resulta convencer aos súbditos de que a democracia e o poder representativo poidan selo mesmo! O soberano que ergue o seu edifico coas vidas dos moitos, o partido como receptáculo das partes que unifica, a organización de masas liderada pola mente pensante, o todo que prima e reduce ata a indiferenciación ás partes, ¡que anacrónico resulta todo isto! Hai que dicir: no micelio todo ven de outra parte, de calquera parte, pero os filamentos que a compoñen aspiran a ser politicamente en todas partes.

18. A economía just in time favorece as customizacións, produtos cada vez máis singularizados e modulables polos consumidores. A política globalizada xustapón sobre un mesmo territorio múltiples soberanías, graduadas por variadas competencias e circunspeccións, diferentes normativas que a miúdo entran en conflicto, numerosos suxeitos políticos que fraccionan o que, á maneira republicana, se pretendía o espazo uniforme e universal da cidadanía[1]. Nesta flexibilización, diferenciación crecente e adaptabilidade das mercadorías de todo tipo, os propios partidos políticos convertéronse en produtos e empresas postfordistas: seguen sendo tan parvos coma sempre o foron, pero agora prestan moita máis atención ós vaivéns da opinión e da recomposición caleidoscópica das formas de vida. Á pluralización interactiva da vida responde a pluralización interactiva do poder e da resistencia. O mundo visto dende os fungos, a epistemoloxía fungi, a carnavalización do pensamento, as nosas estratexias discursivas esfórzanse por sintonizar coa razón do que en tal contexto pode entenderse coma unha política disidente. Hoxe os movementos fan rizoma ou micelio co fin de armar unha diversidade que persiste heteroxénea. Fronte á tradición branquista, o micelio desexa estenderse pacientemente por tódolos sitios, mais non como quixo facelo Bernstein: non por representación na esfera do Un e o mesmo, senón multiplicando as conexións. Extensión por contaxio, por transmisión vírica de carga xenética; como a orquídea, a avespa e o fungo: o deber de crear con outros heteroxéneos un corpo impuro, así coma se forma a estructura micorriza. A política do micelio tampouco se contenta coa moderación reconciliadora á espera de tempos mellores proposta por Bernstein. Ao igual que os branquistas non acepta ningunha etapa intermedia que estableza fins e medios de distinta natureza, pero busca o xeito de vencer aquí-e-agora eludindo a guerra civil. A acción plástica pola que se constitúen os corpos non é un medio senón un fin sen fin que carece de teleoloxía, tampouco meta. A súa política non é utópica senón heterotópica (ver capítulo IV).

19. Á guerra civil oponlle o micelio o amor-entre-especies; á circunvalación representativa, a multiplicación de conexións dos calquera. Os calquera veñen sempre doutra parte, doutra localización, pero inscríbense na globalidade do ser-en-todas-partes. Dun xeito ontolóxico, calquera xa é, calquera xa está, calquera é xa un ser-en-todas-partes. Este é o significado antropolóxico do termo “globalización”. Isto é o que cada vez se volve máis patente a medida que profundizamos no calado do Antropoceno, é dicir, a antropoloxización técnica do mundo, ou dito doutra maneira: a situación pola cal o ser humano se comporta no sistema planetario coma un dos máis grandes actores físicos.

20. Por primeira vez na historia viven máis humanos en ambientes urbanos que rurais, pero tampouco se vive xa en cidades senón dentro de inmensas rexións metropolitanas, hospedaxe de enclaves máis ou menos centrais ou periféricos, ensamblados por fluxos de todo tipo que dan lugar a “colosais bancos de homes equipotentes ós océanos, ós desertos e ós casquetes glaciares”[2]. Estes magmáticos lagos humanos volven ridículos os vellos sentimentos individuais do eu, ou as representacións nacionais do nosoutros. Emerxidos ata os ceos da noite, observando dende o espazo exterior advertimos como unha inmensa maraña de micelio amarelado e fluorescente colonizou o planeta. Tempo atrás, das obras humanas non podería discernirse máis que o perfil da muralla chinesa. Agora, os nosos satélites retratan sen maiores dificultades o espectáculo mundial que dá cita a millóns de fíos e nós de maior ou menor tamaño e intensidade luminosa. Unha gran rede de estrelas toma toda Europa, especialmente nutrida no Oeste, pero que se estende ata Turquía e Israel; estréitase e se dilúe conforme penetramos nas estepas rusas para desvanecerse pouco antes de chegar a Siberia; gotea polo Nilo abaixo salpicando a península Arábica; recorta o espazo onde moran máis de mil millóns de indios; fai relucir o Sueste asiático e a costa chinesa onde resplandecen coma tres soles Shanghai, Beijing e Hong Kong; fronte a eles dispóñense Taiwán e Xapón, dúas lámpadas de alto consumo en forma de illa; e despois está o continente americano, iluminado dun xeito tan asimétrico. Un mundo de luces e sombras. Paradoxal. África, aquela masa de terra que nas orixes foi o ventre da humanidade e tamén o seu corazón, segue bombeando materias primas así coma no comezo repartiu ós sapiens sapiens en tódalas direccións, e sen embargo, agora igual que antes, permanece case enteira na penumbra. Así e todo, tamén a vida alí é metropolitana, atrapada como está polos circuítos globais, administrada por todo tipo de axencias e organizacións transnacionais despregadas sobre o terreo.

21. Tal sería o taboleiro que dispoñemos para calculala victoria e o que está en xogo, os requisitos e as condicións, os a priori históricos da política que determina a nosa animalidade en-todas-partes, unha experiencia vital tan distinta ás de antes. Podería ser presentada a evolución desta especie faber e sapiens á maneira da fenomenoloxía, contrastadas diferentes rexionalizacións da visión, segundo a sucesión máis ou menos cronolóxica dalgúns dos seus modos de vida. “O labrego, co lombo dobrado, vivía dos regos e non vía nada máis; o salvaxe vía soamente o claro do monte e as corredoiras que cruzan a masa forestal; o montañés, o seu val, cuberto polos pastos da montaña; o burgués, a praza pública, observada dende a súa vivenda; o piloto de aviación, unha porción do Atlántico… Mais de pronto, xorde unha bóla difusa rodeada de turbulencias: o Planeta-Terra tal e como o fotografan os satélites”[3]. Polo tanto, unha visión de astronauta, unha mirada global.

22. Dende o comezo do #15M quedou claro que propor a loita en termos nacionais era dala por perdida. Era necesario combatela crise a nivel europeo, pero aínda insuficiente. Non hai dúbida de que afrontamos un reto global, mais que isto deba ser así, que a loita e os movementos teñan que xogar globalmente, é algo que ata hai ben pouco non adquiriu o status da evidencia. Comezou a adquirilo naqueles anos no que unha guerrilla na selva Lacandona comprendeu que, ante a expansión armada, os pobres teñen que construír armas con versos e cargalas con soños. Fixeron circulala súa poesía polos fluxos de bits e rapidamente se inseriron nas redes de activistas, de observadores transnacionais e brigadas globais; isto era para eles unha condición sine qua non da victoria e da súa propia supervivencia. Agora ben, non hai que confundila globalización das loitas co internacionalismo. Goldman Sachs, por máis que teña franquías repartidas por varios países e traballadores de varias nacionalidades, non é algo entre-nacións, internacional, senón unha institución global con base nos Estados Unidos, tan global como as finanzas que vixía e sanciona. Os lagos e ríos de magma que dan corpo ó ser-en-todas-partes traspasan con moito as fronteiras, de xeito que a división entre nacións, mesmo se se propón como unha solidariedade entre as nacións e os seus pobos, resulta en exceso opresora. Así, os zapatistas debían xustapoñer múltiples identidades, con vistas á victoria, pero non menos coa finalidade de afrouxar a estreiteza de calquera delas: agora son patriotas mexicanos, pero do México silenciado; agora, os indíxenas anteriores a todo estado, parte dun movemento que nas últimas dúas décadas viviu unha eclosión a nivel planetario; tamén os de “abaixo e á esquerda”, comparando explicitamente a súa loita coa dos gays en San Francisco, os anarquistas en España ou os negros en Sudáfrica; e agora deveñen de novo a alteridade mexicana, mais que está en-todas-partes: en cada gran cidade ben podería ser “O outro México” o nome dalgún dos seus barrios ou ghettos.

+ Ir ao seguinte epígrafe.

 


[1] Véxase a este respecto, A. Ong. 2006. Neoliberalism as Exception. Mutations in Citizenship and Sovereingty. Durham, Duke University Press.

[2] M. Serres. 2004. El contrato natural. Valencia, Pre-Textos, p. 34.

[3] Serres, ibídem, p. 196.

Leave a reply

Fields marked with * are required