.1.1. DO AMOR ENTRE ESPECIES. INTRODUCION
1. Filamentos ocos cilíndricos enrolándose como cordas para crear universo. Como o micelio, a masa de hifas que compón baixo terra o substrato do fungo. Evolución lateral da política, que a fai asemellarse aos cogomelos. Precoz, primaveral proliferación fúnxica de acampadas dende o 15 de Maio, extraídas por ninguén en particular dende o esbrancuxado e vaporoso tecido subterráneo, así como brotan en círculo os “aneis de fadas”. E unha vez na superficie, entre lonas e cartafoles repletos de papeis, axitación baixo o sol na ágora. Deformacións, contorsións na cavidade deste planetario tanque atmosférico de aire viciado, que zumega a vida dende o fondo mariño e os estratos. É esta unha acción plástica resolta a prolongar, no brotar das formas, tanto a forza como a calidade da potencia do cultivo que lle é propia.
2. Aprender dos fungos. Ver o mundo como eles. Durante demasiado tempo non fomos capaces de enfocar máis que a forma dos círculos e as verticais: Deus e os seus mortais, o cidadán e o estado, o individuo e o seu medio, o cura como pastor das almas, o partido como suxeito do movemento. Mil millóns de anos atrás os fungos penetráronse na terra virxe e prepararon o terreo para a aparición das plantas e dos animais. Fixeron desta terra un “océano”, do ermo algo vivo, ao enriquecer o chan coas súas cadeas celulares. Debemos ser capaces de carnavalizar o noso pensamento; inversión do cotián, o Norte no Sur e o burro vestido coa roupa do Papa. Buscar outro nome para o planeta que habitamos; no canto do “globo terráqueo” chamalo por exemplo o “globo oceánico” ou a “esfera climática”: visto dende fóra, é máis vaporoso e azul que marrón e verde. O micelio, aéreo e vexetativo á vez, pode axudarnos a celebrar de novo as vodas do ceo coa terra. Ao vernos dende a perspectiva dos fungos, pronto deixamos de estar coa cabeza no ceo e andar cos pés na terra. Todo se inverte e transforma. Descabezados, espallados en redes, camiñamos sobre as augas, densamente cargadas de sales, fosfatos, minerais. Convertémonos nun territorio ondeante. Habitamos cun paso tranquilo, pisando en firme sobre turbulencias nin sequera advertidas: “Se foses un organismo diminuto no chan do bosque, estarías enredado nun entroido de actividade, co micelio constantemente movéndose como ondas celulares a través de paisaxes subterráneas, coas danzas das bacterias e a natación dos protozoos, cos nematodos botando carreiras como baleas nun microcósmico mar de vida”. [2]
3. Un día fomos fungos. Fai seiscentos millóns de anos os nosos antepasados máis remotos capturaban os nutrientes ao envolvelos en sacos celulares, que dende a nosa perspectiva ao uso interpretariamos como “estómagos primitivos”. Pero, en por si, o micelio xamais deu forma a aquilo que nós coñecemos como un organismo. Pensando como o faría o micelio, podemos afirmar que a avespa é o órgano sexual da orquídea, ou que os fungos son os aparellos dixestivos de certas orquidáceas, pero ¿que clase de organismos serían estes? Sabemos que o termo organon foi tomado de Aristóteles, quen á súa vez o fixo migrar dende o campo semántico dos músicos e os artesáns para explicar a funcionalidade das partes vitais. Hai que tomarse en serio esta conexión, simbolizada por tal termo, entre a natureza e a arte, a vida e a técnica [3]. Entón os organismos poderían deixar de ser representados como un círculo, expresión dunha esencia interna ―o molde, o xenotipo, a autenticidade, o verdadeiro eu― que se relaciona cunha exterioridade que chamamos o medio.
4. Adoitamos visualizar os corpos vivos así como a zooloxía comprendía aos animais: seres externamente delimitados, discretos, de precisas fronteiras, claramente recortados do seu contorno, con capacidade de moverse no seu medio propulsados por un motor propio[4]. Só desta maneira pode ser identificado o organismo co círculo, ou posto en tres dimensións, coa esfera. Todo cambiaría se o grafismo utilizado fose en cambio unha liña cunha punta para marcar unha dirección; se dixésemos, isto é un ser vivo, unha frecha, un vector, unha liña de fuga: “Nesta representación non hai un dentro e un fóra, e tampouco unha fronteira separando os dous dominios. O que hai é un traxecto de movemento ou crecemento”[5] . Cada traxecto sería unha relación. Pero esta frecha non sinalaría a relación que se dá entre dous centros distantes, ou entre un organismo aquí acoutado e un medio ambiente que lle é externo. A propia liña sería a vía pola cal a vida é vivida: “un fío dun tecido de carreiros que compoñen a textura ou o mundo da vida”[6]. O organismo sería pois o conxunto de frechas, a malla resultante das liñas relacionadas. Ao debuxalo, tendo presente que as frechas son heteroxéneas e que por tanto proceden de localizacións diversas, comprobaremos como o pictograma lembra moito na súa forma a unha lea de micelio.
5. A orquídea, para vivir, debe crear un corpo. Para crealo relacionarase con segmentos heteroxéneos do que se chamaría o medio, pero que en realidade son parte do ser da orquídea en tanto que vivente (le vivant). A orquídea é parte da malla que a fai posible, un concerto de órganos ou organismo de maior envergadura, tecnicamente ensamblado. A avespa utiliza a súa técnica para extraer o pole distribuíndoo polo campo; o micelio establece unha relación micorriza, enchufa as súas hifas nas puntas das raíces vexetais, e fornece á planta os seus nutrientes. Dende a perspectiva circular ou esférica da zooloxía, cada un sería un organismo distinto animado en contraste co medio. Dende a perspectiva do concerto de órganos, aquí non hai fronteira entre o reino animal, o reino vexetal e o reino fungi. As tres liñas, frechas ou vectores de insecto, planta e fungo, fan micelio para compor, no seu axenciamento, unha musicalidade, un ritornelo, un corpo[7].
6. Dise que para ser da mesma especie, debe existir, no molde que fabrica en serie aos individuos, a posibilidade de que se reproduzan. Pero, para xermolar, as orquídeas precisan ser aleitadas polos fungos, e para preñar as súas sementes é preciso un ménage à trois entre a flor, a avespa e a terra. Nada pode haber máis fermoso, e non obstante tales monstros foron perseguidos coa maior das sañas. Cando se legalizou neste país o matrimonio gay, a dereita máis curta de miras botouse á rúa. Interrogados polos xornalistas, os manifestantes non podían conter a repugnancia e horror que lles inspiraba tal unión contra-natura: “Que será o seguinte, que casen os homes coas cabras? Como pode alguén xustificar a cópula das peras coas mazás?” No Xénese está escrito que primeiro a terra estaba en tebras, confusa e baleira, e que Deus creou o mundo poñendo fin á confusión, dando a cada cousa cadanseu nome. “O horror é un estado conxelado do ser”, e tamén, “o horror é a perda completa do control práctico e mental”.[8] O horror á confusión e a estas mesturas é causado polo esquecemento, ou a incapacidade de aceptar, que o amor sempre foi inter-especies. Isto é o que aprendemos ao observar as orquídeas, as árbores, as avespas ou os seres humanos dende a perspectiva do micelio. Se aínda queremos falar da natureza humana, haberá que dicir dela que é unha relación entre-especies.[9] (Ver capítulo III).
7. No territorio da política, estas imaxes, e o tipo de racionalidade tras elas, poden atoparse nas revolucións en curso. O suxeito político nas primaveras árabes, do 15M ou de Occupy Wall Street, só pode ser comprendido en clave de micelio. As súas innovacións discursivas e programáticas haberán de entenderse como unha sorte de amor-entre-especies, que sen dúbida confundiu e mesmo exasperou tanto aos que se repartían na esquerda como aos que o facían á dereita. Dise que o micelio de fungo máis extenso está en Oregón, que mide preto de dez quilómetros cadrados e que empezou a crecer cando morría a democracia ateniense e nacía o Imperio romano. O micelio político do animal humano, moito máis extenso, por momentos tremendamente denso e outros tan disperso, ten unha historia sen dúbida máis recente. A proliferación de acampadas e asembleas ha de entenderse como parte da súa colonización aérea. Segue crecendo, pero para datar o seu nacemento haberá que interpretar as súas manifestacións, analizar as liñas que o compoñen e de onde veñen; ou dito doutra maneira, historiar ou facer xenealoxía dos seus axenciamentos. Posiblemente poidamos atopar precursores do micelio político nos nómades, os piratas ou os ludditas, por exemplo, pero tal e como o coñecemos, na súa última mutación, esta cepa non ten máis que unhas poucas décadas de existencia.
[1] Deleuze y Guattari, 2004, Mil mesetas. Capitalismo y esquizofrenia, Valencia, Pre-Textos, p. 20.
[2] P. Stamets. 2005. Mycelium Running. How Mushrooms Can Help Save the World. Berkeley, Ten Speed Press, p. 10.
[3] G. Canguilhem. 2005. “Sobre la historia de las ciencias de la vida desde Charles Darwin” en Ideología y racionalidad en la historia de las ciencias de la vida, Buenos Aires, Amorrortu, p. 157
[4] T. Ingold. 2003. “Two Reflections on Ecological Knowledge” en G. Sanga y G. Ortalli, Nature Knowledge: Ethnoscience, Cognition and Utility. New York, Berghahn Books, pp. 301-311.
[5] T. Ingold. 2006. “Rethinking the Animate, Re-Animatin Thought” en Ethnos, 71:1, p. 13.
[6] Ibidem.
[7] Utilizamos o termo axenciamento (agencement) no sentido de G. Deleuze e F. Guattari. “Axenciamento: noción máis ampla que a de estrutura, sistema, forma, proceso, etc. Un axenciamento supón compoñentes heteroxéneos, tamén de orden biolóxico, social, maquínico, gnoseolóxico”. F. Guattari. 2004.”Glosario de esquizoanálisis” en Plan sobre el planeta. Madrid, Traficantes de Sueños, p. 153.
[8] T. Asad. 2008. Sobre el terrorismo suicida. Barcelona, Laertes, pp. 94 y 95.
[9] Ver, A.Tsing, “Unruly Edges: Mushrooms as Companion Species” en http://tsingmushrooms.blogspot.com (consulta: 10 de octubre de 2011); D. Haraway, 2003, The Companion Species Manifesto. Chicago, Prickly Paradigm Press.
Leave a reply
Fields marked with * are required



Recent Comments